Pronunciamento do C.O.P.D.G. en relación co Consejo 1ª e 2ª Parte
A Comisión Permanente do C.O.P.D.G.
28 de marzo de 2007
PRONUNCIAMENTO DO COLEXIO OFICIAL DE PROTÉSICOS DENTAIS DE GALICIA EN RELACIÓN CO CONSEJO GENERAL
(I PARTE)
Recentemente a sala do Contencioso -Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, en sentenza nº 1065 do 25 de setembro do 2006, declarou nulos os acordos do Consejo General de Colegios de Protésicos Dentales de España (CGPDE) de aprobación do orzamento do ano 2003, e de desestimación do recurso de reposición interposto contra o mesmo polo Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia. (COPDG).
Este feito xustificaría por si mesmo un pronunciamento público sobre a traxectoria do Consejo General desde a súa constitución, e unha valoración crítica do camiño percorrido polos seus órganos directivos. No entanto, a risco de que desde determinados círculos profesionais aglutinados ao redor da actual “maioría” do Consello se nos poida acusar de actuar en contra da unidade da profesión, as actitudes antidemocráticas e a falta de capacidade integradora das “maiorías” que a citada sentenza pon en evidencia son os motivos que nos avocan a empregar formas alternativas de expresión para trasladar as nosas posicións ao conxunto dos profesionais integrados na organización colexial
As opinións e valoracións que seguen a continuación son tamén o resultado da sistemática, irreflexiva, irresponsable e prepotente desestimación de todas e cada unha das propostas do Colexio de Galicia sobre materias que, polo seu contido profesional e xustificación, deberían ser tidas en consideración para o seu estudo e posterior aprobación consensuada
Dito isto, varios son os argumentos e feitos que, desde o noso punto de vista, converten ao CG nunha institución de trazos e funcionamento sectario, non adaptada á realidade xurídica do actual marco constitucional, e desconectada da realidade plural do colectivo de profesionais.
1. Funcionamento sectario e antidemocrático.
Facendo caso omiso das normas básicas e mais elementais que regulan o funcionamento dunha corporación democrática de dereito público de base privada, a día de hoxe séguense incumprindo normas esenciais como as notificacións regulamentarias das convocatorias das sesións da Asemblea Xeral, ou a notificación aos Colexios afectados dos acordos adoptados. O contido de devanditos acordos é impreciso, e o que ten maior transcendencia, a transcrición daqueles á correspondente acta é irregular e tecnicamente deficiente, imposibilitando a súa execución ou impugnación por non expresar adecuadamente a declaración da vontade dos órganos corporativos. Non existe a dación de contas dos acordos adoptados polo Comité Executivo, dando lugar a ámbitos de decisión fora do control da Asemblea Xeral e os Colexios territoriais
Este particular modus operandi, propio de organizacións pre- constitucionais, conleva un grave e inadmisíbel nivel de inseguridade xurídica de todos aqueles que se ven afectados polos actos de xestión ditados no exercicio de fins e funcións públicas atribuídas polo ordenamento xurídico, e que están sometidos aos procedementos de revisión de oficio e a instancia de parte, regulados na lexislación vixente sobre procedemento administrativo. É dicir, reduce as garantías xurídicas dos Colexios territoriais e dos profesionais colexiados, que son os sustentadores económicos da organización colexial e os destinatarios últimos da acción corporativa do Consejo General.
Expresión do seu actual estado interno, e a modo de exemplo, o Consejo, logo de máis de catro anos, aínda se rexe polos seus Estatutos provisionais do 2002, e segue sen contar cos definitivos, entre outras razóns, por unha incorrecta comprensión do seu carácter e funcións. Esta circunstancia non só supón o incumprimento do mandato deducido da disposición transitoria segunda da Lei 2/2001, de 26 de marzo, senón que comporta unha manifesta carencia de visión do problema e de vontade para liquidalo.
En troques de adecuarse ao funcionamento propio das institucións públicas dun Estado de dereito, para o debate dos problemas esenciais da profesión na que se forxe a unidade do noso colectivo profesional, o Consejo General serve para ventilar conflitos primitivos,e estar a disposición dunha visión particular, parcial e interesada da organización colexial e da profesión de protésico dental.
Á actual maioría do Consello todo isto resúltalle unha cuestión menor e irrelevante, que nada ten que ver co futuro dos protésicos dentais. O certo é que ten unha vital importancia, por canto diso depende a capacidade para abordar desde a organización colexial os nosos problemas profesionais. Os que controlan a organización interna, amparándose na maioría mecánica, ou na pasividade dunha parte da minoría, converteron as convocatorias do órgano nunha mera escusa para pasar unha fin de semana na “capital” a gastos pagos. Nas sesións, con deixación das responsabilidades inherentes ao cargo de Presidente, son admitidas intervencións por parte de membros do Comité Executivo ou de “protésicos –asesores” do Consello que raian no delito de ameazas e calumnias, e que crean un clima enrarecido destinado a impedir que se exerzan libremente as posicións discrepantes. Sistematicamente, en fin, incórrese en prácticas non permitidas polos Estatutos provisionais ao admitir que a representación e o voto de determinados Colexios territoriais recaia por delegación en persoal asesor remunerado con fondos do Consello, cando esta posibilidade só está contemplada para cargos unipersoais.
En relación con estas actitudes, todos coñecemos as intervencións nos foros de Internet de destacados membros da maioría, dirixindo insultos, descalificacións persoais e acusacións contra outros colexiados discrepantes, e que non só cualificariamos como impropias dun representante estatal dos protésicos dentais, senón que deberían dar lugar a incoar o correspondente expediente sancionador, por poñer en dúbida a honorabilidade do Consello.
Malia os importantes esforzos realizados polo Colexio de Galicia para que o Consello Xeral sexa un verdadeiro órgano de debate e de deseño de iniciativas profesionais, lamentablemente segue situado á marxe das disposicións legais e regulamentarias que inspiran e rexen o seu funcionamento e, polo tanto, está incapacitado para poder cumprir os fins e funcións que a Lei lle atribúe.
2. Colisión cos Colexios territoriais e Consellos Xerais autonómicos.
Esta pseudo- organización corporativa está, no entanto, ao servizo de posicións que, ignorando o marco de pluralidade de poderes instaurado polo Estado das autonomías, pretenden reducir a capacidade dos Colexios territoriais e Consellos Xerais autonómicos para o cumprimento dos seus fins e funcións, e aumentar as competencias do Consejo General como súper- organización colexial.
Dentro desta liña de actuación enmárcanse os sucesivos acordos de aprobación dos orzamentos anuais. Como xa dixemos no recurso presentado, e na demanda interposta contra o orzamento do ano 2003, as desorbitadas dotacións orzamentarias de gastos que cada ano aproba a maioría do Consello, teñen por finalidade financiar competenzas reservadas mediante Lei aos Colexios territoriais e Consellos autonómicos, e detraer recursos esenciais para que estes poidan financiar o exercicio das funcións atribuídas polas respectivas leis autonómicas en materia de ordenación de colexios profesionais.
Facendo caso omiso da xurisprudencia do Tribunal Supremo, e da lexislación en materia de regulación do proceso autonómico que, entre outras materias, aclarou o ámbito competencial dos Consellos Xerais en relación cos Colexios territoriais, preténdese o establecemento de cotas territoriais, non só ignorando a máis elemental técnica orzamentaria e as normas esenciais para a adopción dos acordos, senón tamén vulnerando o principio de equidade, e a súa aplicación e modulación aos Colexios territoriais únicos ou Consellos autonómicos, que asumen no seu ámbito territorial as funcións propias dos Consellos Xerais.
Esta filosofía foi claramente plasmada no artigo 45 dos Estatutos definitivos, actualmente informados polo Ministerio de Sanidad y Consumo para a súa rectificación. Nel asúmense un total de 13 competencias atribuídas ao Colexio de Galicia a través da Lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Entre este articulado atópase a capacidade de aprobación dos Estatutos dos Colexios territoriais, que invade de forma manifesta a competencia que a Lei e os Estatutos de autonomía outorgan aos órganos de goberno das respectivas Comunidades Autónomas, e a pretensión de dar carta de legalidade ao establecemento de relacións directas do Consello cos colexiados, omitindo o feito de que aquel se conforma coma un órgano de coordinación dos Colexios e Consellos territoriais, e que o profesional se vincula nas súas relacións co Colexio territorial correspondente, non estando recoñecida a dobre colexiación.
De prosperar estas posicións, remataremos contando cunha superestrutura colexial con toda a capacidade de actuación concentrada nun grupo reducido de persoas integrante do Comité Executivo, fortemente dotada de recursos financeiros, e con patróns de condutas e políticas que conducen ao desmantelamento de todos os mecanismos de control. Na outra cara da moeda, igualmente desalentadora, estarán a maioría dos Colexios territoriales avocados a destinar os seus recursos ao financiamento do Consello, sen organización interna propia, sen vinculación corporativa e organizativa cos seus colexiados e sen capacidade algunha para intervir nos procesos de toma de decisións que afectan ao futuro profesional.
Como expresión deste modelo, resulta relevante indicar que o Consello para “Comisións de traballo e estudo” ten previsto “nos seus orzamentos do ano 2007” créditos iniciais por importe de 100.400,00€ entre as que se atopan as denominadas baixo os eufemismos de “Defensa profesional” (61.000,00€) e “Comisión de expertos”(12.000,00€) que en realidade ocultan o pago de honorarios por procesos xudiciais contra a Administración, e outros colectivos profesionais, e os traballos prestados por persoas de confianza da actual “maioría”.
3. Carencia de obxectivos en relación cos problemas profesionais.
Resulta alarmante comprobar como, logo de case cinco anos de percorrido, o Consello segue sen ter pronunciamientos técnica e xurídicamente fundamentados sobre as materias que afectan ao futuro dos profesionais colexiados e da sanidade bucodental.
Non existe posición algunha, nin foi promovido o debate, sobre materias tan sensíbeis como, 1) a creación de oficinas de calidade e garantías a pacientes/usuarios; 2) a ampliación, mellora e actualización dos ensinos básicos da especialidade de Técnico Superior en Prótesis Dental; 3) a creación dun corpo de funcionarios de carreira de profesores técnicos de formación profesional; 4) a adopción de medidas para garantir a expedición e contido da prescrición; 5) o fomento entre os profesionais da sanidade bucodental da expedición directamente ao paciente da factura de fabricación da prótese e o estudo dun protocolo de relación con odontólogos e estomatólogos; 6) a adopción de medidas que garantan a obriga de colexiación previa ao comezo da actividade profesional; 7) a inclusión das próteses dentais dentro do réxime de ordenación das prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde; 8) a revisión crítica, das competencias profesionais previstas na normativa reguladora do Título de Técnico Superior en Prótesis Dentales.
Como alternativa a esta carencia absoluta dun modelo profesional viable para o futuro, a “maioría” do Consello e determinados cargos unipersoais do Comité Executivo, defenden publicamente, coma posicións corporativas, iniciativas ou alternativas non debatidas nin aprobadas no seo da Asemblea Xeral e carentes da mínima fundamentación.
Os posicionamientos públicos e opinións vertidas no seo dos órganos do Consello por membros destacados da actual “maioría”, aséntanse sobre as seguintes premisas:
1. Terxiversación e interpretación á marxe dos principios esenciais do dereito, do contido da normativa vixente en relación coa regulación das profesións sanitarias, e a fabricación e comercialización dos produtos sanitarios a medida. Particularmente a que se fai do artigo 18 do RD 414/1994, de 1 de marzo, polo que se regulan os produtos sanitarios, en relación coa venda directa de produtos sanitarios adaptados, a Disposición adicional 10ª do RD 2727/1998, de 18 de decembro, polo que se modifica o RD 414/94 respecto da adaptación da prótese ao paciente por parte do protésico dental, ou a lectura carente de rigor das sentenzas ditadas por xulgados e tribunais en relación coa nosa profesión, especialmente a nº 92, de 3 de febreiro de 2003, ditada pola Audiencia Provincial da Sección Terceira de Palma de Mallorca, en relación coa venda directa a clínicas dentais da próteses fabricadas por un laboratorio de prótese dental, e que en acto de paranoia interpretativa se permiten concluír que con ela quedan fóra da legalidade os actos de entrega da prótese ao paciente por parte do odontólogo, cando no apartado 6º do fundamento xurídico segundo se limita a transcribir a argumentación da Sentenza do Tribunal Supremo, de 21 de decembro de 1998, que contempla diversas posibilidades de entrega e facturación do produto, entre a que se atopa a facturación directa da prótese ao paciente polo protésico dental, pero non sanciona como non axustada a dereito a entrega por este ao facultativo e posterior entrega ao paciente.
Resulta oportuno dicir que esta visión quedou gravemente tocada na súa liña de flotación pola recente Lei 29/2006, de 26 de xullo, de garantías e uso racional de medicamentos e produtos sanitarios, que na súa Disposición adicional 13ª, deixa aclarada a interpretación que o lexislador fai do artigo 3.1. do mesmo texto legal, cando di que non ten carácter de acto de comercialización, venda, distribución, fornezo ou posta no mercado, a colocación ou posta en servizo de produtos sanitarios a medida por un facultativo.
2. Sobre esta pobre bagaxe argumental, confrontación xudicial cos facultativos por suposto incumprimento da prohibición do citado artigo 3.1. que, favorecendo as posicións máis radicais do Consello Xeral de Odontólogos, obstaculiza calquera intento de concertación das relacións interprofesionais, e favorece a persistencia do caos que preside as relacións comerciais no sector da sanidade bucodental, que paradoxicamente, beneficia a odontólogos e estomatólogos en detrimento dos protésicos dentais.
3. Confrontación xurisdiccional coas Administracións Públicas sobre premisas erróneas e argumentos carentes de rigor xurídico, que avocaron á interposición e posterior desistimento dun recurso contencioso administrativo contra a ou RD 1277/2003, de 10 de outubro, polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios. Os motivos deste comportamento recóllense no artigo publicado na sección de actualidade do número 142 de Dental Prótesis, e do que recomendamos a súa lectura por ser a máxima representación do discurso chapuceiro, pseudo- xurídico e carente de rigor e precisión técnica do que fai gala a actual maioría do Consello.
4. Confrontación con xuíces e maxistrados, como a que se fai desde o citado artigo con maxistrados do Tribunal Supremo,en relación co referido recurso contencioso-administrativo, con imputación de parcialidade e infracción do principio de independencia na súa actuación xurisdiccional.
A Comisión Permanente do C.O.P.D.G.
2 de febreiro de 2007
PRONUNCIAMENTO DO COLEXIO OFICIAL DE PROTÉSICOS DENTAIS DE GALICIA EN RELACIÓN CO CONSEJO GENERAL
(II PARTE)
4. A política informativa e a liña editorial de “Dental Prótesis”.
En primeiro lugar, e antes de centrarnos na liña editorial do órgano de expresión do Consello, queremos denunciar que, a día de hoxe, a Asemblea Xeral, malia as reiteradas peticións realizadas polo Colexio de Galicia, segue sen ter información sobre a relación xurídica existente coa dirección executiva de “Dental Prótesis” nin sobre a súa xestión interna e económica. Esta situación é, cando menos, irregular, se temos en conta que o importe dos patrocinios previstos para o 2007 ascenden a 33.000,00€, e que nunca se fixo alusión algunha a esta cuestión nas respectivas memorias anexas ao chamado Orzamento.
Doutra banda, resulta importante dicir que, dita liña editorial, non foi nunca debatida e aprobada pola Asemblea Xeral, o que implica que aquela se elabora de costas aos órganos soberanos do Consello.
Dito isto, dado que “Dental Prótesis” é o órgano de expresión do Consello, tamén o é da actual maioría que o sustenta, e a través das súas páxinas plásmase a liña de actuación á que aludimos. Como exemplos máis destacados da manipulación que se fai dos feitos, interésanos destacar brevemente os seguintes artigos ou noticias de actualidade:
1. O número 123 de agosto/setembro do 2003, é a expresión mais burda desta política da confusión. Na súa portada realízase a transcrición entrecomiñada e ,polo tanto, supostamente literal, de disposicións legais reguladoras das profesións sanitarias relacionadas coa sanidade bucodental, da defensa dos dereitos de usuarios e consumidores e da competencia desleal. Pois ben, dunha forma descarada, manipúlase o artigo segundo da Lei 10/1986, de 17 de marzo, que regula a profesión de odontólogo e a doutros profesionais relacionados coa saúde bucodental, suprimindo do párrafo a frase “mediante utilización de produtos, materiales, técnicas y procedimientos, conforme a las indicaciones de los Médicos Estomatólogos u Odontólogos”.
Cando se alude aos artigos 1, 2 e 3 da Lei 26/1984, de 19 de xullo, General de Consumidores y Usuarios, afírmase que “(…) Además, establece que el usuario de la prótesis es el consumidor y no el odontólogo…” cando se trata dunha Lei de carácter xeral, non sectorial, que non alude de forma expresa a ningún sector económico e ,polo tanto, tampouco ao sector da sanidade bucodental.
2. O número 142 de xullo do 2006, ao referirse á Lei 29/2006, de 26 de xullo, limítase a reproducir artigos de prensa, pero non alude en ningún momento ao contido da Disposición adicional 13ª, que como xa dixemos ten unha vital importancia, por canto aclara o concepto de comercialización á que fai referencia o artigo 3 do RD 414/1996. Con todo, sen que no seu interior se recolla unha análise crítica da Lei por parte do Consello, realízase na portada unha descalificación xeral indicando que “La nueva Ley del Medicamento del gobierno Zapatero retrocede al sistema sanitario de la dictadura”.
3. Na portada do número 138 de decembro do 2005, de forma absolutamente irresponsable e con claro ánimo de confundir, recóllese a modo de placa o seguinte texto “Consulta protésico dental .Prótesis dentales adaptadas al cliente/paciente. Dispensación directa al paciente”. A continuación, sen citar fontes legais, sentenzas ou resolucións xudiciais, transcríbese o seguinte texto “Los Tribunales de Justicia han determinado que somos consulta protésico dental, de adaptación al paciente cliente y dispensación directa al público.(…)”. No interior non se recolle nin unha soa noticia, editorial ou colaboración que faga alusión ao contido da portada e que xustifique a súa publicación.
A lista de manipulacións podería ser interminábel, polo que desistimos de continuar coa súa descrición. Baste indicar que, desde as súas páxinas,a través dos editoriais, ou mediante reportaxes nas que son protagonistas destacados membros do Consejo, recóllense as políticas de confrontación sobre posicións profesionais non avaladas polos seus órganos directivos Así por exemplo, dáse o total apoio do Consello Xeral, mediante a editorial dos números 136 de setembro do 2005, e 141 de Maio do 2006, á denuncia penal do Colexio de Madrid contra o Concello de Madrid e o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da primeira rexión; igualmente prodúcese o apoio do Consello á carta dunha colexiada de Murcia cando se publica como editorial do número 142, de xullo do 2006; ou se apoia o anuncio publicado no xornal “El día”, de Santa Cruz de Tenerife, polo Colexio desta illa, coa participación directa da Presidenta do Consello, en relación cos dereitos de usuarios e consumidores.
5. A modo de conclusións.
Consideramos que esta cadea de despropósitos e paranoia corporativa, son extremadamente daniñas para o futuro da organización colexial e da profesión, e conduce aos seguintes resultados:
1. Imposibilidade de abordar de forma clara, precisa e xuridicamente viable, os problemas que afectan ao futuro da profesión, tanto pola ruptura das normas democráticas de funcionamento interno do Consello, como pola consideración sectaria, fundamentalista e errónea, de que o ordenamento xurídico actual ampara prácticas profesionais que afectan ao ámbito das competencias profesionais de odontólogos e protésicos. Este feito pecha calquera intento de revisión do actual bloque normativo regulador da nosa profesión por canto, ao estimar que xa recolle as aspiracións do noso colectivo, sitúan o problema no ámbito da súa execución, e xa que logo na confrontación administrativa e xudicial.
2. Creación dun clima de confusión entre os profesionais colexiados mediante a transmisión de ideas, argumentos e posicións que incitan a unha concepción material do exercicio da profesión, da que poden derivarse responsabilidades administrativas, civís e penais.
3. Perda de credibilidade e de capacidade de negociación ante as Administracións Públicas, o que comporta unha carencia esencial da actual maioría para interpretar as necesidades profesionais e o cumprimento dos fins e funcións que a Lei atribúe aos Consellos Xerais.
4. Implantación dun estado de confrontación no seo da organización colexial, e rotura do principio de unidade asentado no respecto á pluralidade de posicións en relación coa profesión, e na existencia dunha organización territorial baseada nas Comunidades autónomas.
En definitiva, estamos ante unha política corporativa avocada ao fracaso máis estrepitoso, e que só serve en última instancia para cohesionar á actual maioría que aspira a instrumentalizar o Consello para poñelo ao servizo dunha guerra contra todos e que, nalgún caso, é o reflexo das guerras profesionais particulares.
Co obxecto de disipar calquera intento de manipulación da nosa posición, queremos deixar sentado que nos pronunciamos defensores da expedición da factura directamente ao paciente, salvagardando outras posíbeis solucións pactadas entre protésicos e odontólogos; que consideramos que a actual normativa reguladora das competencias profesionais dos Titulados Superiores en Prótesis Dental limita as nosas aspiracións, e que debe ser revisada para a súa redefinición e, no seu caso, ampliación; que exercemos desde a nosa organización colexial a persecución do intrusismo profesional contra todos os que incumpren as normas reguladoras do exercicio da profesión; que estamos, en fin, a favor de tender pontes coas Administracións públicas para pactar melloras lexislativas e con outros colectivos implicados na saúde bucodental para clarificar e ordenar as relacións profesionais e comerciais.
O Colexio de Galicia estará aberto a calquera intento de conformar unha nova maioría que respecte no esencial esta visión, pero non vai colaborar en ningún caso neste contubernio corporativo, que se sente cómodo na confrontación irracional. Para ledicia dalgúns, tampouco estamos dispostos a seguir perdendo o noso tempo en sesións absurdas ata que apreciemos un cambio nas actitudes da actual maioría, ou un maior compromiso da minoría para iniciar un proceso de renovación.
Non queremos finalizar sen manifestar que cremos que é necesaria a existencia dun Consello Xeral, porque ten un claro ámbito de actuación, e porque desde el se pode influír no contido das normas estatais que afectan á profesión, pero só se está ao servizo dela contará coa nosa colaboración, dedicación e apoio.
A Comisión Permanente del C.O.P.D.G.
2 de febrero de 2007
- Fuente
- Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia