Saltar a: Menu principal | Corpo | Menu lateral | Pe de paxina

lopdat Protección de Datos
AMA - La mutua de los profesionales sanitarios
BOLETÍN DE NOTICIAS
 

Introduza o seu correo electrónico para suscribirse ao noso boletín.

 
inicio » colexio » estatutos » título vii
  • Imprimir

Título VII

Do réxime disciplinario

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 70º. Réxime xeral de aplicación

1. Con carácter xeral, cas especificacións recollidas nos presentes Estatutos, será de aplicación no ámbito competencial do Colexio, o réxime legal e os principios previstos pola normativa estatal sobre o exercicio da potestade sancionadora.

2. En ningún caso poderase impoñer unha sanción sen que se tramitara o necesario procedemento legal ou estaturiamente establecido.

Artigo 71º. Aceptación do réxime disciplinario

En virtude da colexiación, os/as colexiados/as, aceptan o réxime disciplinario do Colexio, que ten como finalidade sancionar e corrixi-las infraccións cometidas contra os deberes colexiais e as normas deontolóxicas profesionais que se establezan con carácter xeral.

Capítulo II

Tipificación das infraccións

Artigo 72º. Clasificación das infraccións

1.As infraccións tipifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Son faltas leves:

a) Non atender ós requirimentos do colexio.
b) O incumprimento dos deberes como colexiado, sempre que non deban estar calificados como falta grave ou moi grave.
c) As incorreccións de escasa relevancia e transcendencia na realización dos traballos profesionais.
d) As actuacións que signifiquen neglixencia profesional e os actos leves de indisciplina colexial e , en xeral outros casos de incumprimento dos deberes profesionais ou colexiais como consecuencia de descoido ou neglixencia.
e) A desconsideración, e falta de respecto os membros da Xunta de Goberno e os/as colexiados/as.

3.Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou de acordos adoptados polos órganos do Colexio, cando non constitúa falta moi grave.
b) A acumulación de tres ou máis faltas leves.
c) A infracción das normas deontolóxicas.
d) As ofensas graves e a falta de respecto por acción u omisión ós membros da Xunta de Goberno e ós/ás colexiados/as.
e) As actuacións que signifiquen competencia desleal.
f) O abuso de autoridade no exercicio do cargo.
g) Intervir en procedementos cando se de algunha das causas de abstención legalmente establecidas.
h) Non gardar o debido sixilo respecto dos asuntos que se coñezan por razón do cargo, cando cause prexuízo ó Colexio.
i) A grave falta de consideración cos/as colexiados/as que fagan uso dos servizos prestados polo Colexio.
j) Causar danos graves nos locais, material ou documentos do Colexio.

4. Son faltas moi graves:

a) A emisión de informe ou certificados faltando á verdade ou a falsidade en calquera dos documentos que deban tramitarse por medio do Colexio.
b) A reincidencia na comisión de faltas graves.
c) O encubrimento do intrusismo profesional.
d) A comisión de delito doloso, en calquera grado de participación como
consecuencia do exercicio profesional.
e) O incumprimento das normas sobre incompatibilidade.
f) Os actos e as omisións que constitúan ofensa moi grave a dignidade da profesión e as regras éticas que a rexen.
g) A prestación de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos enumerados nos presentes Estatutos.
h)Impedir ou obstaculizar a colexiación dos empregados.

Artigo 73º. Persoas responsábeis

1.Os/ás colexiados/as incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e circunstancias establecidos nestes Estatutos.

2.Non poderán esixirse responsabilidade disciplinaria por actos posteriores a perda de condición de colexiado.

3.Os/ás colexiados/as que induzan a outros a realización de actos ou condutas constitutivas de falta disciplinaria, incorrerán na mesmas responsabilidade que estes.

Artigo 74º. Réxime de sancións

1.Por razón das faltas a que se refire estes Estatutos, poderán impoñerse as seguintes sancións:

a)Apercibimento mediante oficio.
b)Suspensión do exercicio profesional por un prazo determinado.
c)Expulsión do Colexio e baixa no exercicio profesional.

2.As faltas leves serán sancionadas mediante apercibimento de oficio.

3. As faltas graves serán sancionadas con algunha das seguintes medidas:

a) Suspensión da colexiación por un prazo non inferior a un mes nin superior a seis.

4.As faltas moi graves serán sancionadas con algunha das seguintes medidas:

a) Suspensión da colexiación entre seis meses e un día e ata un prazo
máximo de cinco (5) anos.
b) Expulsión do Colexio.

Artigo 75º. Extinción da responsabilidade

1. A responsabilidade disciplinaria extínguese co cumprimento da sanción, falecemento, prescrición da falta ou da sanción, e indulto.

2. Se durante a sustentación do procedemento sancionador se producira a perda da condición de colexiado/a, ditarase resolución na que, con invocación da causa, declararase extinguido o procedemento sancionador, sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal que lle poda ser esixida e, ordenarase o arquivo das actuacións. O mesmo tempo deixarase sen efecto cantas medidas de carácter provisional se adoptaran con respecto o/a colexiado/a inculpado.

3.As faltas moi graves prescribirán os dous anos, as graves o ano e as leves os seis meses. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que a falta fora cometida.

A prescrición interromperase por iniciación do procedemento; para este efecto a resolución de incoación do expediente disciplinario deberá ser debidamente rexistrada.

4.As sancións impostas por faltas moi graves prescribirá os dous anos, por falta graves o ano e por leves os seis meses. O prazo de prescrición comentará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Artigo 76º. Procedemento sancionador

1. Os procedementos sancionadores iniciaranse sempre de oficio, por acordo do Pleno da Xunta de Goberno , ben por propia iniciativa, ou como consecuencia de petición razoada de outros órganos ou por denuncia. A formulación dunha petición non vincula ó órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, se ben deberá comunicar o órgano que a formulara os motivos polos que, no seu caso, non procede a iniciación do procedemento. Cando se presentase unha denuncia, deberá comunicarse ó denunciante a iniciación ou non do procedemento cando a denuncia vaia acompañada dunha solicitude de iniciación.

A denuncia deberá formularse co contido formal e material previsto no Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

2.Con anterioridade a iniciación do procedemento, o Pleno da Xunta de Goberno, poderá acordar a incoación dun expediente informativo previo o sancionador, co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3.O acordo de iniciación deberá ter o contido mínimo fixado polo artigo 13 do RD 1398/1993 do 4 da agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.No mesmo acordo deberá outorgase ó/á interesado/a un prazo de 15 días para aportar cantas alegacións, documentos e información estimen convinde, e no seu caso, propoñer proba concretando os medios dos que pretenda valerse.

Este acordo comunicarase ó instrutor e ao secretario, no seu caso, con traslado de cantas actuacións existan o respecto, e notificarase o denunciante, e o inculpado con suxeición ó establecido sobre notificacións na Lei de Procedemento Administrativo Común

4. O Pleno da Xunta de Goberno mediante acordo motivado, poderá adoptar en calquera momento, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidera recaer, e o bo fin do procedemento.

Estas medidas poderán consistir na suspensión temporal de actividades e a prestación de fianzas, así como a retirada de produtos ou suspensión temporal de servizos por razóns de sanidade, hixiene, ou seguridade e visados.

5. Recibidas as alegacións e transcorrido o prazo do punto 3 deste artigo, o órgano instrutor acordará, se así o estima oportuno, a apertura dun período de proba, de acordo co establecido na Lei de Procedemento Administrativo Común, por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez. O órgano instrutor mediante acordo motivado poderá rexeitar a practica das probas propostas polos/as interesados/as, cando sexan improcedentes.

6. Concluída, de ser o caso, a proba, o órgano instrutor do procedemento formulará proposta de resolución na cal se fixarán de forma motivada os feitos, especificándose os que se consideren probados e a súa exacta cualificación xurídica, e determinarase a infracción que, de ser o caso, aqueles constitúan e a persoa ou persoas que resulten responsables, especificándose a sanción que propón que se impoña e as medidas provisionais que adoptarán, de ser o caso, o Pleno da Xunta de Goberno ou o instrutor do procedemento, ou ben proporase a declaración de nonexistencia de infracción ou responsabilidade.

7. A proposta de resolución notificarase ó/á interesado/a, indicándolle a posto de manifesto do expediente. A notificación acompañarase unha relación dos documentos obrantes no procedemento a fin de que ós /ás interesados/as podan obter as copias dos que estimen convindes, concedéndolles un prazo de quince días para formular alegacións, e presentar os documentos e informes que estimen oportunos ante o instrutor do procedemento. Finalizado o trámite anterior o instrutor redactará proposta de resolución definitiva. A proposta de resolución cursarase inmediatamente ao Pleno da Xunta de Goberno, que resolverá motivadamente o que proceda, xunto con todos os documentos, alegacións e informacións que consten nela.

8. O acordo adoptado en sesión plenaria será notificado ós/ás interesados/as co contido formal e material previsto na Lei de Procedemento Administrativo Común.

9. Transcorridos seis meses desde a data do acordode iniciación do expediente, tendo en conta as posibles interrupcións por causas imputables aos/ás interesados/as, ou pola suspensión do procedemento, producirase a caducidade. Neste suposto a resolución que declare a caducidade ordenará o arquivo das actuacións, cos efectos previstos na Lei de procedemento administrativo común.

Artigo 77º. Efectos da resolución

A resolución do expediente sancionador polo Pleno da Xunta de Goberno será inmediatamente executiva e contra a mesma poderá interpoñer algún dos recursos previstos nestes Estatutos.

Artigo 78º. Procedemento simplificado

Para o exercicio da potestade sancionadora no suposto de que o Pleno da Xunta de Goberno considere que existen elementos de xuízo suficientes para calificar a infracción como leve, tramitarase o procedemento simplificado que se regula no Capítulo V do Real Decreto 1398/1993 do 4 de agosto.

Artigo 79º. Supostos de rehabilitación

1.Os sancionados poderán solicitar a súa rehabilitación ca seguinte cancelación da nota do seu expediente persoal nos prazos seguintes, a contar desde a data de inicio do cumprimento da sanción:

-Aos tres meses no caso de faltas leves.
-Ao ano no caso de faltas graves.
-Aos dous anos no suposto de faltas moi graves.
-Aos sete anos cando a sanción consistise en expulsión do colexio.

2. A rehabilitación solicitarase o Pleno da Xunta de Goberno. Os trámites de rehabilitación levaranse a cabo co mesmo procedemento que o establecido para a imposición de sancións, e a resolución que se dite será susceptíbel dos mesmos recursos.

Disposicións transitorias

Primeira.- O procedemento de substitución das vacantes do Pleno da Xunta de Goberno prevista no artigo 25.4º dos presentes Estatutos será de aplicación a partir da celebración do primeiro proceso electoral de renovación de cargos que se produza unha vez sexa executiva o réxime electoral previsto nos mesmos.

Segunda.- Ata o momento en que a renovación de cargos se produza de acordo co réxime establecido nos presentes Estatutos as vacantes do Pleno da Xunta de Goberno por unha causa diferente á renovación estatutaria deberán ser cubertas no prazo de dous meses desde que se produciron. O Pleno proporá unha persoa para o cargo, que será ratificada na primeira Asemblea Xeral ordinaria que teña lugar. A duración deste cargo coincidirá co período que quede de mandato á persoa que fose substituída.

COLEXIO DE PROTÉSICOS DENTAIS DE GALICIA
Rúa Montero Ríos 10 1ºB - Santiago de Compostela