Saltar a: Menu principal | Corpo | Menu lateral | Pe de paxina

lopdat Protección de Datos
AMA - La mutua de los profesionales sanitarios
BOLETÍN DE NOTICIAS
 

Introduza o seu correo electrónico para suscribirse ao noso boletín.

 
inicio » colexio » estatutos » título iii
  • Imprimir

Título III

Dos órganos do Colexio

Capítulo I

Organización

Artigo 16º. Órganos de goberno

1.Os órganos de goberno e representación do Colexio serán os seguintes:

a) A Asemblea Xeral.
b) O Pleno da Xunta de Goberno
c) O/a Presidente/a.

2. A Comisión Permanente constitúese como órgano xerarquicamente dependente do Pleno da Xunta de Goberno.

3. As Comisións Plenarias Informativas que son órganos de carácter informativo e de preparación e asesoramento dos asuntos que se sometan a deliberación da Asemblea Xeral e do Pleno e Comisión Permanente da Xunta de Goberno.

Capítulo II

Da Asemblea Xeral

Sección 1ª. Composición e competencias

Artigo 17º. Composición

A Asemblea Xeral é o órgano supremo do Colexio, composta por tódolos/as colexiados/as con plenitude de dereitos.

Reunirase como mínimo unha vez ó ano en sesión ordinaria que deberá celebrarse durante o primeiro trimestre do ano.

Artigo 18º. Competencias

1. Son competencias exclusivas da Asemblea Xeral as seguintes:

a) Exame e aprobación dos Orzamentos e das Contas do Colexio.
b) Aprobación da xestión do Pleno da Xunta de Goberno e do seu Presidente/a.
c) A elección do Pleno da Xunta de Goberno e do seu Presidente e da súa remoción por medio da moción de censura, así como dos cargos vacantes por dimisión de algún dos membros da Xunta de Goberno.
d) Aprobación e reforma dos Estatutos e das normas deontolóxicas do Colexio.
e)Nomear ós membros de honra e conceder medallas, condecoracións u outros distintivos honoríficos.
f) Aqueles asuntos da súa competencia que, a iniciativa propia ou a petición dos/as colexiados/as, o Pleno da Xunta de Goberno acordo incluír na orde do día.
g)Aprobar a disolución do Colexio, e a aplicación do activo social.

2. A aprobación e modificación dos Estatutos será comunicada á consellería competente na materia para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da calificación de legalidade.

Sección 2ª. Réxime de sesións e funcionamento

Artigo 19º. Convocatoria e requisitos para a celebración das sesións

1. As sesións da Asemblea Xeral poden ser dous tipos:

a) Ordinarias
b) Extraordinarias.

2. Son sesións ordinarias aquelas cuxa periodicidade este preestablecida.

3. Son sesións extraordinarias aquelas que con tal carácter convoque o/a Presidente/a a iniciativa propia ou a petición dun número non inferior ó 10 por 100 dos/as colexiados/as que no momento da petición consten como membros de pleno dereito. Extremos que serán debidamente acreditados mediante certificado expedido polo Secretario. Tal solicitude deberá realizarse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por tódolos/as que a subscriban.

4. Cando a convocatoria se realice a instancia dos/as colexiados/as, a celebración da sesión non poderá demorarse mais de corenta e cinco (45) días naturais desde o seguinte ó da presentación da petición.

5. Todas as sesións da Asemblea Xeral serán convocadas polo/a Presidente/a, previo acordo do Pleno da Xunta de Goberno.A convocatoria das sesións extraordinarias deberá ser motivada.

6. Entre a convocatoria e a celebración da sesión ordinaria ou extraordinaria, non poderán transcorrer mais de trinta (30) días naturais. Este prazo poderá reducirse a oito (8) días naturais cando o Pleno da Xunta de Goberno  aprecien razóns de urxencia debidamente xustificadas na convocatoria.

7. Á convocatoria das sesións xuntaranse a orde do día, comprensiva dos asuntos a tratar co suficiente detalle, e os borradores das actas anteriores que deban ser aprobadas na sesión.

8. A convocatoria para unha sesión ordinaria ou extraordinaria dará lugar á apertura do correspondente expediente, no cal conste, en todo caso, a relación de expedientes conclusos, certificado do acordo da convocatoria con expresión da orde do día, copia que acredite o cumprimento do requisito de notificación, e minuta da acta. Toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ó debate e, no seu caso, á votación, deberá estar a disposición dos/as colexiados/as desde o mesmo día da convocatoria na Secretaria do Colexio. Calquera membro do Colexio poderá, en consecuencia, examinala, e incluso obter copia dos documentos que a integren, pero os orixinais non poderán saír do lugar en que estean postos de manifesto.

9. Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre un punto de rolda de intervencións libres.

10. Por razóns de urxencia debidamente motivadas, a Asemblea Xeral, por unanimidade da totalidade dos seus membros de dereito, poderá incluír algún asunto na orde do día antes do punto de rogos e preguntas. Non obstante, poderán formularse propostas de inclusión de puntos na orde do día ata un mes antes da data de notificación da convocatoria, que deberán ir asinadas por un mínimo  do 10 por 100 do censo dos membros do Colexio, procedendo, neste caso, a súa inclusión automática.”

11. Serán nulos os acordos adoptados en sesións ordinarias e extraordinarias sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo especial e previa declaración da urxencia nos termos indicados no punto anterior.

12. As Asemblea Xerais quedarán constituídas en primeira convocatoria sempre que asista, cando menos o 50 por 100 dos/as colexiados/as de pleno dereito e en segunda media hora despois cos/cas membros presentes. En todo caso requírese a asistencia do/a Presidente/a e do/a Secretario/a.

Artigo 20º. Dos debates

1. As sesións ordinarias iniciaranse preguntando o/a Presidente/a se algún colexiado/a presente ten que formular algunha observación á acta ou actas da sesión ou sesións anteriores que se distribuíran na convocatoria. Se non hai obxeccións considerarase aprobada. Si se formularan, debateranse e decidiranse as modificacións que procedan. En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só caberán os meros erros materiais ou de feito.

2. Debateranse tódolos asuntos e votaranse pola orde en que estean relacionados na orde do día.

3. Durante o debate, calquera colexiado/a poderá pedir a retirada dalgún expediente incluído na orde do día, para que se incorporen ó mesmo os antecedentes e informes que se estimen oportunos. Tamén poderá solicitarse que o asunto quede sobre a mesa, para súa discusión na seguinte sesión. A retirada ou aprazamento do asunto deberá someterse a votación, e prosperará se acada os votos que representen a maioría simple.

4. Os debates que se promovan serán ordenados pola/a Presidente/a en base ós principios de liberdade e respecto conforme as seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso da palabra previa autorización do/a Presidente/a.
b) O debate iniciarase cunha xustificación e explicación da proposta, a cargo dalgún/ha colexiado/a ou membro dos órganos de goberno do Colexio que a subscriba.
c) A continuación consumirase polos/as colexiados/as presentes unha primeira quenda de intervencións. O/a Presidente/a velará para que tódalas intervencións teñan unha duración igual.
d) Quen se considere aludido por unha intervención poderá solicitar do/a Presidente/a que se conceda unha quenda por alusións, que será breve e concisa.
e )O/a Presidente/a poderá abrir, se así o xulga oportuno, unha segunda rolda de intervencións. Consumida esta, dará por rematada a discusión, que se pechará cunha intervención do poñente na que brevemente ratificará ou modificará a súa proposta.

5.Os/as colexiados/as poderán, en calquera momento do debate, pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando para o efecto a norma cuxa aplicación reclama. O/a presidente/a resolverá o que proceda sen que por este motivo se emprenda debate ningún.

6.No suposto de que algún/nha colexiado/a incorra en calquera dos motivos de abstención recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou na lexislación vixente, deberá absterse de participar na deliberación e votación.

7.No punto da orde do día de rolda de intervencións libres, terá carácter de suxestión a formulación dunha proposta de actuación dirixida aos órganos de goberno. As suxestións formuladas poderán ser debatidas, pero en ningún caso sometidas a votación. As preguntas serán aquelas cuestións formuladas aos órganos de goberno no seo da Asemblea Xeral, e deberán contestarse oralmente na mesma sesión, ou por escrito, cando non se dispoña dos antecedentes que permitan realizala.

Artigo 21º.Das votacións

1.Finalizado o debate dun asunto, procederase á súa votación. Tódolos/as colexiados/as terán dereito a un voto.

2.Antes de encomezar a votación o/a Presidente/a plantexará clara e concisamente os termos da mesma, e a forma de emiti-lo voto.

3.Unha vez iniciada a votación, non pode interromperse por ningún motivo. Durante o desenvolvemento da votación ningún/ha colexiado/a poderá entrar no salón ou abandonalo.

4.Rematada a votación, o/a Presidente/a declarará o acordado.

5.Os órganos do Colexio adoptarán os seus acordos, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes. Existe maioría simple cando os votos afirmativos son mais que os negativos.

6.Entenderase por maioría absoluta cando os votos afirmativos son mais da metade do número legal de membros do Colexio.

7.O voto dos/as colexiados/as é persoal e indelegable.

8.O voto poderá emitirse en sentido afirmativo ou negativo, podendo os/as colexiados/as absterse de votar.

9.En caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación, e se persistira o empate, decidirá o voto de calidade do/a Presidente/a.

10.As votacións poden ser ordinarias, nominais ou secretas.

Son ordinarias as que se manifestan con signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención. Este será o sistema normal de votación.

Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabético de apelidos e nome e sempre en último lugar o/a Presidente/a, e no que cada membro do Colexio ó ser chamado, responderá en voz alta “si”, “non” ou “abstéñome”. Este procedemento requirirá algunha solicitude de algún/ha colexiado/a e a súa aprobación pola Asemblea Xeral por maioría simple en votación ordinaria.

Son secretas as que se realizan por papeletas que cada colexiado/a vai depositando nunha furna ou bolsa. Só poderá utilizarse para a elección ou destitución de persoas ou para asuntos que afecten a súa intimidade.

11.Os acordos son inmediatamente executivos e obrigan a tódolos/as colexiados/as.

Artigo 22º. Das actas

1.De cada sesión o/a Secretario/a estenderá acta na que constarán os seguintes extremos:

a) Lugar da reunión, con expresión do nome e local na que se celebre.
b) Día mes e ano.
c) Nome e apelidos do/a Presidente/a , dos/as colexiados/as presentes, dos ausentes que se escusaran e dos que falten sen escusa. A estes efectos cando a sesión sexa dunha Asemblea Xeral os asistentes antes do seu inicio formarán relación nominal asinada facendo constar a súa presenza.
d) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión e se esta se celebra en primeira ou segunda convocatoria.
e) Asistencia do/a Secretario/a.
f) Orde do día, opinións sintetizadas dos/as colexiados/as que interveñan na deliberación e incidencias desta.
g) Votacións que se verifiquen. Nas votacións ordinarias farase constar o número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións.
h) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.
i) Hora en que o/a Presidente/a levante a sesión.
j) Incluirase nas actas as propostas de modificación da orde do día que se presenten o principio de cada sesión, previa lectura e votación das mesmas, así como os acordos adoptados respecto a estas.

2.De non celebrarse a sesión por calquera circunstancia, o/a Secretario/a suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura, na que faga constar a causa e nome dos concorrentes e dos/as que escusaran a súa asistencia.

3.A acta, unha vez aprobada pola Asemblea Xeral, transcribirase no Libro de Actas, autorizándose coa sinatura do/a Presidente/a e do/a Secretario/a.

Capítulo III

Da Xunta de Goberno

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 23º. Normas sobre composición e competencias

1.A Xunta de Goberno terá carácter colexiado, e asumirá a dirección e administración do Colexio, subordinando a súa actuación ó establecido nos presentes Estatutos, á normativa autonómica e estatal reguladora do réxime xurídico dos Colexios profesionais e demais disposicións legais de aplicación.

2.A Xunta de Goberno executará os acordos emanados da Asemblea Xeral, quedando facultada para adoptar tódalas medidas legais e regulamentarias que crea pertinentes para asegurar o cumprimento dos seus fins e funcións.

3.A Xunta de Goberno exercerá as súas competencias nos termos fixados nestes Estatutos, podendo auxiliarse no exercicio das súas funcións mediante as Comisións Plenarias Informativas creadas ó efecto.

4.Os/as membros da Xunta de Goberno serán elixidos/as de acordo coas disposicións establecidas nestes Estatutos, e polo seu carácter representativo serán inamovíbeis excepto por resolución xudicial ou pola apreciación pola Xunta dunha causa de incompatibilidade.

5.Poderá ser membro da Xunta de Goberno calquera colexiado/a que, de acordo cos presentes Estatutos, ostente dita condición, cumpra os requisitos previstos nos artigos 10º e 15º dos mesmos e non incorra en ningún suposto de incompatibilidade ou inelixibilidade.

Sección 2ª.Mandato, causas de cesamento e moción de censura

Artigo 24º. Duración do mandato

Os cargos da Xunta de Goberno terán unha duración de catro anos.

Os/as membros da Xunta de Goberno poden ser reelixidos/as.

Artigo 25º. Causas de cesamento

1. Os/as membros da Xunta de Goberno cesarán por algunha das seguintes causas:

a) Por extinción do mandato, ó expirar o seu prazo.
b) Por renuncia, que deberá facerse efectiva por escrito ante o Pleno da Xunta de Goberno.
c) Por incorrer algún suposto de incompatibilidade, apreciada polo Pleno da Xunta de Goberno de acordo cos presentes Estatutos e cas disposicións legais de aplicación.
d) Por sentencia xudicial firme que conleve a inhabilitación para o desempeño de cargos públicos.
e) Por sanción disciplinaria ditada mediante resolución firme.
f) Por falecemento ou incapacidade para o normal exercicio do cargo, esta última apreciada mediante decisión xudicial firme.

g) Por traslado do seu domicilio social único ou principal fora do ámbito territorial do Colexio, posto de manifesto polo/a interesado/a por escrito ante o Pleno da Xunta de Goberno.

h)Por faltas de asistencia sen causa xustificada a tres sesións seguidas ou cinco alternas do Pleno da Xunta de Goberno ou da Comisión Permanente, no seu caso, no mesmo ano.

2. Cando concorra a causa de cese do apartado c) unha vez producida e declarada polo Pleno da Xunta de Goberno, darase traslado ó/a afectado/a para que no prazo de dez días opte entre a renuncia a súa condición de cargo ou ó abandono da situación que deu orixe a incompatibilidade. Transcorrido dito prazo sen que o/a colexiado/a exercitara a opción entenderase que renuncia a condición de cargo da Xunta de Goberno.

3. O cese pola causa prevista no apartado h) requirirá a previa incoación de expediente no que conste a comunicación por escrito da situación outorgando un prazo de dez días para a presentación de alegacións, e posterior acordo expreso e notificación con arrego ó disposto na lexislación básica en materia de procedemento administrativo común.

4. As vacantes que se produzan por algunha das causas anteriores serán cubertas polo candidato suplente para ocupar o cargo vacante. Se as vacantes representan mais da metade dos membros de pleno dereito serán convocadas eleccións xerais para elixir a unha nova Xunta de Goberno.

Artigo 26º.Moción de censura

1.A Xunta de Goberno ou algún dos seus membros poderán ser obxecto dunha moción de censura ante a Asemblea Xeral reunida en sesión extraordinaria.

2.A sesión extraordinaria para deliberar e votar a moción de censura convocarase expresamente con este único asunto na orde do día.

3.A moción formalizarase por escrito presentado ante o Rexistro xeral do Colexio, e deberá ser subscrita alomenos pola terceira parte dos/as colexiados/as integrantes do censo colexial e incluír o nome ou nomes dos candidatos propostos para cubrir as vacantes producidas no suposto de que a mesma acade o quórum requirido.

4.Para que a moción prospere deberá obter os votos favorábeis da maioría absoluta do número legal de membros do Colexio, quedando neste suposto, proclamados como cargos da Xunta de Goberno os candidatos propostos.

5.Unha vez presentada a moción de censura os órganos de goberno estarán obrigados a convocar a sesión extraordinaria da Asemblea Xeral, cos requisitos previstos nestes Estatutos, e en todo caso, cun prazo que non poderá exceder de corenta e cinco (45) días desde a data da súa presentación.

6.Os candidatos proclamados como consecuencia da aprobación da moción de censura exercerán os cargos ata o momento en que se produza a finalización do mandato de aqueles que foron destituídos.

Sección 3ª. Do Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 27º.Composición .Dereitos e deberes dos cargos electos.

1.O Pleno da Xunta de Goberno estará composta polos seguintesmembros:

- O/a presidente/a.
- O/a vicepresidente/a.
- O/a secretario/a.
- O/a tesoureiro/a.
- O/a relator de Cultura.
- E catro vogais.

2.Os membros do Pleno da Xunta de Goberno teñen o dereito e o deber de asistir, con voz e voto, ás súas sesións e as daqueles outros órganos colexiados do que formen parte, salvo causa que llo impida, que deberán comunicar coa antelación necesaria ó/a Presidente/a do Colexio.

3.Tódolos cargos do Pleno da Xunta de Goberno serán gratuítos e honoríficos. Non obstante, terán dereito a percibir indemnizacións polos gastos ocasionados polo exercicio do cargo, axustándose ás normas sobre xustificación documental que fixen as Bases de Execución do Orzamento.

4.Os membro da Xunta de Goberno percibirán asistencias pola concorrencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados dos que formen parte, na cantia que sinale o Pleno da mesma. Esta clase de indemnizacións tamén poderán percibirse cando se trate de sesións de traballo produto de acordos colexiais.

5.Tódolos membros da Xunta de Goberno teñen dereito a obter do/a Presidente/a e da Comisión Permanente cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder do Colexio e resulten precisos para o desenvolvemento das súas funcións. En todo caso, este dereito quedará limitado polo que establezan as disposicións legais vixentes en materia de datos e ficheiros de carácter persoal.

6.Os cargos que, de acordo con estes Estatutos e coa Lei de Colexios Profesionais de Galicia, teñan atribuídas funcións específicas, ostentarán a dirección dos servizos encargados da súa realización, sen prexuízo das atribucións que sobre estes teñan os órganos de goberno do Colexio en materia de organización e dirección.

7.As funcións atribuídas especificamente ós distintos cargos do Pleno da Xunta de Goberno, poderán ser exercidas requirindo o apoio easesoramento técnico de servizos externos independentes e a través dunha Secretaria Técnica.

8.Pola súa condición de cargo electo, o exercicio das funcións asignadasós cargos do Pleno da Xunta de Goberno nestes Estatutos é compatíble ca asunción de competencias atribuídas por delegación do/a Presidente/a e do Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 28º. Réxime de funcionamento.

1. En todo o non previsto neste artigo as sesións do Pleno axustarase ó establecido no capítulo II deste título cas modificacións seguintes:

a) O Pleno da Xunta de Goberno terase que reunir obrigatoriamente dúas veces ó ano en sesión ordinaria e en sesión extraordinaria cando así o estime oportuno o/a Presidente/a ou a Comisión Permanente previo acordo expreso, ou o soliciten formal e motivadamente por escrito un terzo dos/as membros.
b) As convocatorias serán realizadas mediante acordo do/a Presidente/a e notificadas por escrito polo/a Secretario/a indicando, data, lugar da sesión, hora da primeira e segunda convocatoria, orde do día, apercibimento de notificar e xustificar as ausencias, e posta a disposición dos membros dos expedientes que constitúan a base da orde do día.
c) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de oito (8) días, salvo nas sesións extraordinarias e urxentes convocadas a criterio do/ Presidente/a nas que, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declara a urxencia por acordo favorábel da maioría dos membros. As propostas de acordo deberán ser presentadas por escrito antes da celebración da sesión ou na mesma sesión ao chegar ó correspondente punto da orde do día e axuntar unha copia antes da súa lectura e aprobación a tódolos membros asistentes ó Pleno.
d) Para a válida constitución do Pleno requirirase a asistencia en primeira convocatoria, da metade mais un dos seus membros. Se non existira quórum, constituirase en segunda convocatoria, media hora despois da indicada para a primeira, cos membros presentes e en todo caso en número non inferior a tres.

2. Nas sesión do Pleno /a Presidente/a poderá requirir a presenza de colexiados/as non pertencentes ó Pleno, co obxecto de informar no ámbito das actividades e funcións encomendadas polos órganos consultivos e executivos do Colexio.

3. As actas das sesións do Pleno da Xunta de Goberno transcribiranse en libro distinto das sesións da Asemblea Xeral e da Comisión Permanente.

Artigo 29º.Competencias.

1.Corresponden ó Pleno da Xunta de Goberno, unha vez constituído conforme o disposto nestes estatutos, as seguintes competencias:

a)Prestar colaboración as autoridades universitarias, académicas ou administrativas en xeral para a mellor ordenación do ensino e para mellor perfeccionamento e defensa eficaz dos intereses bucosanitarios do pais.
b)Os acordos relativos á participación en organismos de ámbito estatal, ou superior ó da Comunidade Autónoma; modificación da sede social do Colexio e a adopción ou modificación do seu anagrama, logotipo ou ensina.
c)De acordo cos créditos iniciais do orzamento, autorizar e comprometer o gasto para contratar ó persoal laboral ó servizo do Colexio.
d)Exercer a potestade sancionadora contra os membros do Colexio de acordo co establecido neste Estatutos e na normativa xeral de aplicación, como consecuencia da comisión de infraccións tipificadas como tales.
e)Exercer, cando proceda, o dereito de denuncia ante as autoridades competentes, pola apreciación de condutas que sexan constitutivas de delito ou que signifiquen un perigo para a saúde dental.
f)Perseguir o intrusismo profesional, en calquera das súas formas e exercer con esta finalidade as accións legais correspondentes.
g)Inspeccionar, de acordo co que dispoñen estes Estatutos, os laboratorios dos/as colexiados/as.
h)Propoñer ás autoridades pertinentes a promulgación de normas tendentes ó perfeccionamento do exercicio da profesión en beneficio e garantía da saúde pública.
i)Confeccionar as tarifas recomendadas de honorarios.
j)Dirimir en procedemento arbitral, as controversias que se produzan entre colexiados/as ou entre estes/as e os/as seus/súas clientes.
k)Ditar e aproba-las normas, os regulamentos e os códigos de orde interna ou de carácter xeral que se crea conveniente para garantir e mellora-lo correcto funcionamento das estruturas e os servizos do Colexio.
l)Aproba-la forma de xestión, procedementos e financiación dos servizos que estableza o Colexio.
m) Constituír as seccións ou comisións informativas que se consideren necesarias para a xestión e resolución de asuntos concretos, e de carácter xeral, que incumban o colexio, e designar os seus membros.
n)Acorda-la convocatoria das Asembleas Xerais ordinarias ou extraordinarias.
ñ) Resolver sobre a admisión dos/as profesionais que soliciten incorporarse ó Colexio.
o)A contratación de servizos, subministros e obras, e a conseguinte autorización do gasto, cando a súa duración exceda dun ano, ou esixa créditos superiores ós consignados no Orzamento anual do Colexio.
p)Aprobar o Proxecto de Orzamento e rende-las Contas anuais. Recadar, distribuír e administra-los fondos do Colexio, así como o seu patrimonio, e outros recursos que se lle atribúan.
q)Aprobar a concesión de créditos extraordinarios e suplementos de crédito cando sexa necesario realizar gastos que non se podan demorar ó exercicio seguinte e non se conte coa correlativa dotación orzamentaria.
r)Aprobar a concertación de operacións de crédito, o outorgamento de garantías e a concesión de quitas e espera, cando o importe do saldo vivo de operacións exceda do 25 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento.
s)Determinación da cantia das cotas colexiais necesarias para facer fronte ó orzamento e gastos da entidade.
t)A adquisición de bens e a transacción sobre os mesmos, así como a súa enaxenación ou calquera outro acto de disposición.
u)O exercicio das accións administrativas e xudiciais na defensa dos procedementos incoados contra o Colexio.
v)A aceptación de delegación de competencias feitas polas Administracións públicas.
w) Propoñer á Asemblea xeral o nomeamento de membros de honra,así como a concesión de medallas, emblemas u outros distintivos honoríficos.
x) Participar a través dos membros que o órgano designe, nos procedementos de elaboración dos plans de estudio e contrates curriculares relacionados coa prótese dental.
y) Nomear, no seu caso, e de acordo cos presentes Estatutos, ós membros da Xunta Electoral e forma-lo censo electoral de colexiados.
z) Interpretar estes Estatutos e resolver, por analoxía de preceptos ou de feitos, as situacións que non aparezan resoltas de maneira expresa e concreta.

aa) Aprobar provisionalmente a Conta Anual de cada exercicio.
ab) Declarar a suspensión da execución de actos e acordos ditados polos órganos de goberno.
ac) Nomear a Comisión Liquidadora no suposto de disolución do Colexio.                                                                                                                                                                                                                                                                                   ad) Acordar a habilitación de colexiados/as sancionados/as pola comisión dalgunha das infraccións tipificadas nestes Estatutos. 

2. O Pleno da Xunta de Goberno, poderá delegar calquera das súas atribucións, en todo ou en parte, no/a Presidente/a ou na Comisión Permanente, con excepción das enumeradas nos apartados b), c), d), i), n), o), r), s), v) w) , aa), ab) e ac) do punto anterior.

3. A competencia da letra x) do punto anterior exercerase sen prexuízo da función de representación atribuída ó/á Presidente/a por estes Estatutos e polas disposicións legais en materia de colexios profesionais.

4.O acordo plenario polo que se produza a delegación que se adoptará por maioría simple, surtirá efecto o día seguinte ó da súa adopción, debendo proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5.O acordo de delegación conterá o ámbito dos asuntos á que a mesma se refire e as facultades concretas que se deleguen, e as condicións específicas do exercicio das mesmas.

6.As delegacións do Pleno en materia de xestión financeira poderán, así mesmo, conferirse a través das bases de execución do Orzamento.

Sección 4ª. Da Comisión Permanente

Artigo 30º. Carácter, composición e competencias

1. A Comisión Permanente, constitúese como un órgano de execución e seguimento dos acordos adoptados polo Pleno da Xunta de Goberno, asumindo as competencias outorgadas por delegación daquel ou do/a Presidente/a.

2. Como consecuencia do anterior, e sen prexuízo dos actos expresos de delegación, a Comisión Permanente poderá exercer tódalas funcións de trámite necesarias para o funcionamento ordinario do Colexio. De forma específica atribúeselle a competencia de contratación e, por conseguinte, a autorización e adxudicación de obras, servizos e subministros, que non teñan unha duración superior a un ano, e que non esixan créditos superiores ós consignados no Orzamento anual.

3. A Comisión Permanente estará integrada polo/a presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a, o/a tesoureiro/a, e o/a relator/a de Cultura.

Artigo 31º. Réxime de funcionamento.

1. No defecto de acordo expreso, a Comisión Permanente celebrará sesión ordinaria, unha vez cada dous meses, e con carácter extraordinario cada vez que o /a Presidente/a ou dous/dúas membros da comisión o consideren conveniente.

2. En todo o non previsto para a Comisión Permanente neste artigo, será de aplicación o disposto para a Asemblea Xeral e Pleno da Xunta de Goberno coas modificacións seguintes:

a). Entre a convocatoria e a realización da sesión non poderán transcorrer menos de 48 horas, salvo nas sesións extraordinarias e urxentes convocadas a criterio do/a Presidente/a nas cales, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da totalidade dos membros de pleno dereito do órgano colexiado
b). Para a válida constitución da Comisión, requírese a asistencia en primeira convocatoria, da metade mais un dos seus membros. Se non existira quórum, constituirase en segunda convocatoria, media hora despois da indicada para a primeira, cos membros presentes e en todo caso en número non inferior a tres.

3. Nas sesións da Comisión, o/a Presidente/a poderá requirir a presenza de colexiados/as non pertencentes a ela, co obxecto de informar no ámbito das actividades e funcións encomendadas polos órganos consultivos e executivos do Colexio.

4. Dos acordos da Comisión de Permanente darase conta aos membrosdo Pleno da Xunta de Goberno na primeira sesión ordinaria que celebre, debendo dar traslado a cada un dos seus membros de copia das actas.

5.De cada sesión levantarase acta polo Secretario, sendo de aplicación o establecido no artigo 22º destes Estatutos.

 

Sección 5ª. Do/a Presidente/a

Artigo 32º.Carácter e natureza

O/a Presidente/a é un órgano unipersoal de carácter esencial na organización colexial, que ostenta a representación do Colexio, a presidencia dos órganos de goberno, e as competencias que expresamente lle atribúen os presentes Estatutos.

Artigo 33º. Competencias

1. O/a Presidente/a ostenta as seguintes competencias e funcións:

a) Velar polo cumprimento da lexislación vixente, dos presentes Estatutos e dos acordos da Asemblea Xeral do Pleno da Xunta de Goberno e da súa Comisión Permanente.
b) Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral, do Pleno da Xunta de Goberno e da Comisión Permanente, ou de calquera outro órgano colexial, así como decidir os empates con voto de calidade.
c) Facer cumprir normas e regulamentos de carácter interno, e sobre condicións para a prestación dos servizos establecidos polo Colexio.
d) Impulsar os servizos colexiais recadando o asesoramento técnico necesario.
e) Esixir ós/ás colexiados/as o cumprimento do pago das cotas colexiais e as contraprestacións de carácter económico pola utilización dos servizos do Colexio.
f) Subscribir escrituras, documentos, contratos, convenios, oficios e pólizas nos que o Colexio sexa parte.
g) Autorizar e dispoñer de gastos dentro do límite das súas competencias e os expresamente previstos nas Bases de Execución do Orzamento, e ordenar e autorizar todo- los pagos que se efectúen cos fondos colexiais.
h) Desenvolver a xestión económica do Colexio de acordo cos Orzamentos aprobados.
i) Aprobar as facturas que correspondan ó desenvolvemento normal do Orzamento.
j) Aprobar a concertación de operacións de crédito, outorgamento de garantías e concesión de quita e espera, cando o importe do saldo vivo de operacións non exceda do 25% dos recursos ordinarios do Orzamento.
k) Exercitar as accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia dando conta ao Pleno da Xunta de Goberno na primeira sesión que celebre.
l) Publicar os acordos do Colexio cando legal e regulamentariamente se estableza.
m) Outorgar, cando proceda, o seu visto e prace ás certificacións expedidas polo/a Secretario/a así como ás actas das sesións.
n) Aprobar a Liquidación do Orzamento do Colexio.
ñ) Aquelas outras que asuma por delegación do Pleno da Xunta de Goberno.

2. O/a Presidente/a, poderá delegar calquera das súas atribucións, en todo ou en parte, na Comisión Permanente como órgano colexiado ou en calquera dos seus membros, sen prexuízo das delegacións especiais que, para cometidos específicos, poda realizar a favor de calquera membro do Pleno da Xunta de Goberno.

3.O/a Presidente/a exercerá as súas funcións e competencias, así como os colexiados que as ostenten de forma delegada, mediante acordos que de forma numerada e correlativa, constituirán o libro de acordos da presidencia.

4. O/a Presidente/a dará conta sucinta ó Pleno da Xunta de Goberno e á Comisión Permanente en cada sesión ordinaria dos acordos que adoptara desde a última sesión ordinaria, para que os cargos do Colexio coñezan o desenvolvemento da administración colexial.

Sección 6ª. Do/a Vicepresidente/a

Artigo 34º. Carácter, funcións e competencias

1.O/a Vicepresidente/a substituirá ó/á Presidente/a nos casos de ausencia, enfermidade, incapacidade para o exercicio do cargo, vacante ou morte, e exercerá en todo momento tódalas funcións e competencias que lle outorgan a este os presentes Estatutos e as disposicións legais en materia de colexios profesionais.

2. O/a Vicepresidente/a asumirá igualmente as competencias outorgadas por delegación, colaborando co/a Presidente/a na xestión do Colexio.

Sección 7ª. Do/a Secretario/a

Artigo 35º.Carácter, e funcións

1. O cargo de Secretario/a, terá carácter de fedatario dos actos e acordos do Colexio.

2. O exercicio da función de fe público comprende as seguintes actividades:

a) A preparación dos asuntos que deban ser incluídos na orde do día das sesións que celebren a Asemblea Xeral, o Pleno e a Comisión Permanente da Xunta de Goberno, e de calquera outro órgano do Colexio no que se adopten acordos que vinculen ó mesmo.
b) A notificación da correspondente convocatoria das sesións coa suficiente antelación a tódolos compoñentes do órgano colexiado segun os presentes Estatutos.
c) Custodiar desde o momento da convocatoria a documentación íntegra dos expedientes incluídos na orde do día e te-la a disposición dos membros dos respectivos órganos colexiados que desexen examina-la.
d) Levantar acta das sesións dos órganos colexiados referidos no apartado a) e someter a aprobación ó comezo de cada sesión que proceda a das anteriores. Unha vez aprobada transcribirase no Libro de Actas autorizado coa sinatura do/a Secretario/a e o visto e prace do/a Presidente/a do Colexio.
e)Transcribir ó Libro de Acordos da Presidencia os ditados por aquela, ou por membros do Colexio que resolvan por delegación dela.
f) Certificar tódolos actos e acordos da Presidencia e dos órganos colexiados, así como dos antecedentes, libros e documentos da Entidade.
g) Autorizar, coas garantías e responsabilidades inherentes, as actas de toda- las licitacións, contratos e documentos administrativos nos que interveña o Colexio.
h) Formar, organizar e custodia-lo o arquivo de documentos e expedientes do Colexio.
i) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal do Colexio. Sección 8ª. Do/a Interventor/a.

Artigo 36º.Carácter, e funcións

1. O/a tesoureiro/a constitúese como o cargo que ten atribuída a función de tesourería e de manexo e custodia dos fondos, valores e efectos do colexio. Igualmente, correspóndelle a función de contabilidade.

2. Ás funcións anteriores comprende a realización das seguintes actividades:

a) A realización de cantos cobramentos e pagamentos correspondan aos fondos e valores da entidade, de acordo co que establezan estes estatutos e as bases de execución do orzamento.
b) A organización da custodia de fondos, valores e efectos de conformidade coas directrices emanadas da Presidencia ou dos órganos de goberno do colexio.
c) Autorizar, xunto co/a presidente/a, os cheques e demais ordes de pagamento que se xiren contra as contas abertas en bancos ou caixas de depósitos.
d) A formación dos plans de tesourería distribuíndo no tempo as disposicións en diñeiro do colexio para a puntual satisfacción das obrigas.

e) A coordinación das funcións ou actividades contables do colexio de acordo co réxime previsto nestes estatutos e na normativa aplicable sobre esta materia aos colexios profesionais.

f) A formación do Proxecto de Orzamento e das Contas Xerais para súa aprobación pola Asemblea Xeral.

Sección 9ª. Do/a Tesoureiro/a

Artigo 37º.Carácter, e funcións

 

O/a relator/a de Cultura e Formación Continuada será o/a encargado/a de coordinar e supervisar todos os actos, iniciativas, promocións culturais e científicas do colexio. Con este fin, poderase constituír unha comisión de cultura e formación profesional formada de acordo co establecido con carácter xeral por estes estatutos para as comisións plenarias.

 

Sección 10ª. Do/a Poñente de Cultura e Formación Continuada

Artigo 38º. Creación

A creación das delegacións territoriais deberá seguir a tramitación prevista para a aprobación dos estatutos.

Sección 11ª. Das Comisións Plenarias Informativas

Artigo 39º. Composición

1. As Comisións Plenarias Informativas previstas no artigo 16º.3 destes Estatutos estarán compostas por un/unha Presidente/a, un/unha Secretario/a, sendo un deles membro do Pleno da Xunta de Goberno, e un máximo de tres vocais. O/a Presidente/a do Colexio é o/a Presidente/a neto de todas elas.
2.Unha vez constituídas, a inclusión de novos membros deberá aprobarse polo Pleno da Xunta de Goberno ou pola Comisión Permanente cando asuma a competencia por delegación.

3. Para a constitución das Comisións Plenarias Informativas, e a designación dos seus membros, deberá terse en conta a vinculación directa ou indirecta coa materia sobre a que vai ter funcións informativas a comisión.

Artigo 40º. Réxime de funcionamento

1. As sesións poderán ser convocadas verbalmente ou mediante notificación por escrito do seu Presidente ou do/a Presidente/a do Colexio.

2. Para a celebración da sesión deberán concorrer un mínimo de tres membros, e en todo caso estar presentes o/a Presidente/a e o/a Secretario/a.

3. As Comisións Plenarias Informativas adoptaran os seus acordos en relación coa aprobación de informes e ditames cos mesmos requisitos de quórum que os establecidos para o Pleno da Xunta de Goberno.

4.Emitiran informe a iniciativa propia, ou a requirimento do Pleno da Xunta de Goberno ou da Comisión Permanente, debendo dar traslado dos mesmos a través do Rexistro Xeral de documentos do Colexio.

5. O/a Presidente/a da Comisión dirixe e ordena, atendendo ó seu criterio, e con respecto dos principios xerais que rexen os debates plenarios, os debates das Comisións. Decidirá os empates con voto de calidade.

6.Ningunha Comisión poderá deliberar sobre asuntos da competencia de outra, salvo que se trate de problemas comúns, en cuxo caso o/a Presidente/a do Colexio ou os/as Presidentes/as das Comisións poderán convocar unha sesión conxunta.

7.De cada sesión o/a Secretario/a levantará acta na que consten os extremos previstos no artigo 22º destes Estatutos, dando traslado da mesma ao Pleno da Xunta de Goberno a través do Rexistro Xeral.

8. En todo o non previsto nesta Sección serán de aplicación as disposicións sobre funcionamento do Pleno da Xunta de Goberno.

Capítulo IV

Do réxime electoral

Sección 1ª: Dereito de sufraxio activo e pasivo

Artigo 41º. Condicións de elixibilidade.

1. Serán condicións comúns de elixibilidade para tódo os cargos ser colexiados/as en exercicio, estar ó día de todas as obrigas corporativas, ter a condición de elector e non atoparse incurso en ningunha das causas de inelixibilidade legal ou estatutaria.
2.Ademais das condicións comúns para ser elixible, para cada un dos cargos, serán esixidas as seguintes:
a) Para os cargos de vocais do Pleno da Xunta de Goberno, ter un mínimo de antigüidade de un ano como membro do Colexio.
b) Para os demais cargos electos, ter un mínimo de antigüidade de cinco anos como membro do Colexio.
3. Estas condicións serán extensíbeis os suplentes, en orde a substitución provisional en caso de vacante, ou cese dos titulares por algunha das causas previstas legal e estatutariamente.
4. A cualificación de inelixible procederá respecto de quen incorra nalgunha das causas legalmente previstas, o mesmo día da presentación da súa candidatura, ou en calquera momento posterior ata a data da celebración das eleccións.
5.Os membros do Pleno da Xunta de Goberno que desexen optar á reelección, terán que presentar a dimisión ante o referido órgano antes do último anuncio publicado da convocatoria, por calquera medio que permita a constancia, surtindo efecto a partir da data de publicación.

Artigo 42º. Dereito de sufraxio activo.

1. O dereito de sufraxio activo corresponde a todos/as colexiados/as, que estean ó corrente das súas obrigas colexiais, e que figuren inscritos no censo electoral vixente.

2.Ninguén pode votar mais dunha vez nas mesmas eleccións, nin ser obrigado ou coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto.

Sección 2ª. Forma de elección, sistema e procedemento electoral.

Artigo 43º. Forma de elección.

Todos os cargos do Pleno da Xunta de Goberno serán elixidos mediante sufraxio universal, libre, directo, e secreto .

Artigo 44º. Convocatoria

1. O Pleno da Xunta de Goberno acordará a convocatoria de eleccións cunha antelación mínima de tres meses ó día da xornada electoral, que será en todo caso a data no que se cumpran os 4 anos de mandato computados desde a data de celebración da última xornada electiva.

2.O anuncio da convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas sobre información autonómica dun dos xornais de maior difusión de Galicia, no prazo de un mes a partir do día seguinte ó de adopción do acordo.

3. O anterior anuncio será notificado a todos/as os/as colexiados/as mediante circular e a través, no seu caso, da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Colexio.

Artigo 45º. Administración electoral

1. A partir do momento en que se produza a publicación do acordo de convocatoria de eleccións o Pleno da Xunta de Goberno pasará a cumprir as funcións que a Lei Orgánica Electoral Xeral atribúe as Xuntas Electorais.

2. A Xunta Electoral quedará composta polos membros do Pleno da Xunta de Goberno que non presentaran o cese para participar como candidatos para a elección de cargos. En todo caso, deberá contar cun/cunha Presidente/a, un/unha Secretario/a e número de membros non inferior a cinco.

3. Cando os cargos de presidente/a e secretario/a presentasen a súa dimisión e a Xunta Electoral non poida acadar a composición mínima exixida polo punto anterior, serán designados polo Pleno da Xunta de Goberno, antes de que se produza a publicación da convocatoria, entre os membros que sigan no exercicio dos seus cargos. Se estes fosen insuficientes, o citado órgano colexial procederá a elixir o resto dos membros mediante sorteo entre colexiados que figuren no último censo electoral.

4. A composición da Xunta Electoral farase pública e notificarase ós/ás colexiados/as no trámite de aprobación do censo electoral.

5. Unha vez constituída, a Xunta Electoral axustará o seu funcionamento ao réxime previsto nestes Estatutos para os órganos colexiados, adoptando os acordos por maioría simple e tendo o/a Presidente/a voto de calidade en caso empate. Será nulo de pleno de dereito calquera acordo que adopte fora do ámbito das súas competencias.

6. A Xunta Electoral, quince (15) días antes da data da xornada electoral, procederá a nomear de entre os seus membros ós compoñentes das Mesas Electorais. O/a Secretario/a estenderá certificado de designación que constituirá proba acreditativa do exercicio do cargo durante a xornada electoral.

7.As mesas electorais terán como función: levar a termo o proceso electoral durante a xornada de votación, realizar o reconto dos votos emitidos acordando os que estime como válidos e nulos, asinar as actas do escrutinio e resolver as reclamacións que sobre o acto electivo se formulen durante a xornada electoral.

8.As Mesas Electorais estarán formadas por un/unha Presidente/a e dous/as vocais, debendo o/a primeiro/a formar parte da Xunta Electoral. Serán igualmente nomeado dous/dúas suplentes para cada posto da Mesa que poden actuar indistintamente durante o transcurso da xornada, sen que en ningún momento poda exercer as súas funcións sen a presenza de dous membros.

9. Se o número de colexiados/as o aconsella, e nos ámbitos territoriais das delegacións formalmente constituídas, poderán formar Mesas Electorais nas sedes das referidas delegacións.

10.O órgano de goberno que resulte da aplicación do citado procedemento, asumirá cando proceda e de forma simultánea cas atribuídas a Xunta Electoral, as funcións de administración ordinaria propias do Pleno, debendo deixar constancia na acta preceptiva o que en cada caso exerce a competencia.

Artigo 46º. Formación do censo electoral.

1. No prazo de dez (10) días naturais desde a data do acordo da convocatoria de eleccións, polo/a Secretario/a da Xunta de Goberno, formarase o censo electoral revisado e actualizado composto polo conxunto de colexiados/as que cumpren cos requisitos para exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo. Dentro do referido prazo deberá procederse polo órgano competente á súa aprobación provisional.

2. O censo electoral incluirá, ademais do nome e apelidos o número do documento Nacional de Identidade e, o de colexiado/a, o domicilio e a data de alta no Colexio, como únicos datos necesarios para identificar ó elector no acto de votación.

3. As listas do censo electoral, unha vez confeccionadas serán aprobadas provisionalmente pola Xunta de Goberno, e expostas o público durante un prazo de 3 días para a presentación de reclamacións. O acto de exposición realizarase mediante anuncio inserido nas mesmas condicións que o acordo da convocatoria de eleccións.

4. As reclamacións presentadas en prazo na sede social do Colexio a través de calquera das vías previstas na Lei de Procedemento Administrativo Común, deberán ser resoltas expresamente pola Xunta de Goberno no prazo de cinco días, practicándose as rectificacións que procedan e aprobando o censo electoral definitivo. A resolución das reclamacións serán notificados ós/ás interesados/as no prazo dos dous días seguintes por calquera medio que permita a súa constancia.

5.O/a colexiado/a de cada candidatura que se presente a elección do cargo de Presidente/a poderá obter copia do censo electoral vixente a partir do día da proclamación de candidaturas pola Xunta Electoral.

6. Cando haxa mesas electorais nas sedes das Delegacións o/a Secretario/a o Colexio indicará na tarxeta censual do colexiado onde deberá realizar o voto.

Artigo 47º. Da presentación de candidaturas

1.As candidaturas presentaranse no domicilio da Sede Social do Colexio desde a data do último anuncio publicado da convocatoria ata un mes antes da data de celebración das eleccións por calquera das vías previstas na Lei de Procedemento Administrativo Común.

2.A presentación de candidatura para os cargos do Pleno da Xunta de Goberno terá que realizarse mediante escrito asinado polos/as colexiados/as no que poñan de manifesta a súa vontade de presentarse ás eleccións, así como o cargo ó que se presenta, e a aceptación expresa do/a colexiado/a que opte a Presidencia como representante da mesma.

3.AAs candidaturas presentadas que cumpran co contido do punto anterior deberán achegar escrito dos/as colexiados/as que, constando como inscritos no censo electoral, manifesten o seu aval mediante sinatura. Para que sexa admitida deberán contar, polo menos, co apoio do 10 por 100 dos/as colexiados/ as que están inscritos no censo electoral. Este documento deberá recoller o nome e apelidos, así como o número do DNI do/a colexiado/a e o número de colexiado/a. En todo caso, deberá garantirse o segredo dos avalantes.

4. As/os candidatos/as deberán cumpri-los requisitos de elixibilidade do artigo 42º e remitirán a Xunta Electoral escrito solicitando a súa admisión, conxuntamente cos escritos referidos nos apartados anteriores. En todo caso as candidaturas presentadas deberá incluír candidatos e suplentes para cubrir como mínimo os cargos da Comisión Permanente.

Artigo 48º. Da proclamación de candidaturas

1.Ó día seguinte de expira-lo prazo para a presentación de candidaturas,a Xunta Electoral reunirase en sesión extraordinaria e procederá a revisión das listas de candidatos/as para cerciorarse de que cumpran as condicións de elixibilidade esixidas así como a designación do representantes de cada candidatura. De atoparse algunha anomalía nos requisitos necesarios para ser candidato, notificarase vía “burofax” ao día seguinte da celebración da sesión extraordinaria celebrada pola Xunta Electoral, comunicándolle ó representante da candidatura correspondente, as irregularidades detectadas e dando un prazo de cinco días hábiles para que solucione as irregularidades u podan presentar un substituto ao cargo que conteña ditas irregularidades. A comunicación da solución das irregularidades detectadas deberá de facerse vía “burofax” a sede do Colexio.

2.A Xunta Electoral poderá declarar motivadamente a inadmisión de algún candidato ou de algunha candidatura cando non se presente co mínimo de candidatos previstos no artigo 48º.4 deste Estatutos, debendo notificar o prazo de tres días o acordo de exclusión ós/ás colexiados/as afectados/as, quenes, contra o referido acordo, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo de dous días desde a data de notificación. A Xunta Electoral procederá a súa resolución expresa e posterior notificación no prazo de tres días desde a data seguinte ó de interposición. Se o recurso se resolve favorablemente para o interesado procederase a realizar a correspondente proclamación do/a candidato/a. A interposición do recurso de reposición non paraliza o proceso electoral.

3. O acordo de proclamación de candidaturas será notificado ó representante das mesmas.

4.O acordo de proclamación de candidaturas e de resolución dos recursos que contra este se interpoñan, poñen fin á vía administrativa, quedando aberta a partir deste momento a vía xurisdicional.

5.A partir do día seguinte en que se produza a notificación da proclamación de candidaturas e queden resoltos os recursos interpostos, os seus representantes poderán designar por escrito, no prazo de dous días, ante a Xunta Electoral ata un máximo de tres interventores/as.Os/as interventores/as terán as competencias e funcións que con carácter xeral a Lei Orgánica Electoral lles atribúe. En todo caso durante a xornada electoral poderán presentar ante a Mesa Electoral as reclamacións e recursos que crean pertinentes, podendo face-las constar na acta de escrutinio.

6.As candidaturas proclamadas poderán imprimir sobres e papeletas con subxección ós modelos aprobados pola Xunta Electoral. Simultaneamente á notificación da proclamación de candidaturas, notificarase o acordo da Xunta Electoral en relación cos modelos oficiais.

7.Os interventores deberán ser membros colexiais con mínimo de antigüidade dun ano, e estar ó día de todas as obrigas corporativas. Os membros pertencentes a unha candidatura poderán exercer a función de interventor.

Artigo 49º. Do procedemento electoral.

1. No lugar, día e a hora da data da convocatoria, as Mesas Electorais deberán quedar constituídas de acordo co establecido no artigo 46º deste Estatutos. Os/as interventores/as designados/as por cada candidatura deberán presentarse ante a Mesa Electoral antes da hora de inicio da xornada electoral.

2.A Xunta Electoral adoptará as medidas oportunas para que no momento de constitución das Mesas Electorais, este a disposición dos seus respectivos Presidentes a seguinte documentación: sobres pechados correspondentes o voto por correo, cinco listados do censo electoral definitivamente aprobado e rubricado polo/a Secretario/a da Xunta de Goberno saínte cas anotacións dos que exerzan o voto por correo, orixinal da designación polas candidaturas dos/as interventores/as, sobres e papeletas en formato oficial das candidaturas proclamadas, unha furna, modelos da acta de constitución e do escrutinio, e os sobres pechados contendo os votos emitidos por correo.

3.A xornada electoral dará comezo o día e no lugar indicado na convocatoria as 10,00 horas e finalizará as 18,00 horas en presenza da Mesa Electoral debidamente constituída.

4.Poderán exercer o dereito de voto todos/as os/as colexiados/as que figuren inscritos no censo electoral.

5.A urna electoral así como os sobres e papeletas deberán estar instaladas e situadas no local que constitúa o colexio electoral. Cada votante depositará un sobre que conterá unha papeleta coa candidatura que vota, no formato acordado segun o artigo 48º.6.

6. A nulidade poderá acordarse sobre a papeleta cando as anotacións, modificacións, ou tachaduras que conteña dean lugar a dúbidas respecto do voto emitido. Tamén será nulo o voto emitido en sobre ou papeleta distinto do modelo oficial. Serán votos emitidos en branco aqueles que entreguen sobre sen papeleta ou incluíndo algunha sen impresións e anotacións. A estes efectos a Mesa Electoral adoptará os acordos por maioría absoluta dos seus membros.

7.A Mesa Electoral antes de que o elector deposite o voto na urna, deberá comprobar, previa presentación do carné de identidade ou documento análogo ante o/a Presidente/a, que o mesmo está inscrito no censo electoral, non admitindo ningún voto de colexiado/a que non cumpra este requisito.

8. Finalizada a xornada electoral, darase apertura os votos emitidos por correo, e a introdución na urna previa conformidade da documentación aportada e da inscrición no censo electoral. A continuación procederán a emitir o seu voto os/as Interventores/as, e os membros da Mesa Electoral. Unha vez concluídos os actos anteriores, o/a Presidente/a de cada Mesa Electoral declarará finalizada a votación e o inicio do acto de escrutinio.

9. A Mesa Electoral, realizará o reconto dos votos, distinguindo os validamente emitidos, os declarados nulos e os emitidos en branco, de tal forma que a suma de todos eles e as abstencións coincida co número de colexiados/as inscritos no censo electoral. Do resultado do escrutinio redactarase acta na que se recollan, ademais dos datos anteriores, os votos obtidos por cada candidato para cada cargo, así como as reclamacións que ao longo da xornada electoral e no momento do reconto formulen os/as Interventores/as. A acta de escrutinio asinada polos membros da Mesa será remitida a/o Secretario/a da Xunta Electoral o mesmo día ou o seguinte da xornada electoral para súa publicación no DOG con carácter de urxencia. Unha copia da mesma será entregada os/as Interventores/as que o soliciten e outra será colocada na parte exterior do local electoral.

10.Durante os cinco días seguintes contados a partir do seguinte ó da data de publicación o que fai referencia o punto anterior, calquera candidato/a pode impugnar, por escrito,todo o acto electivo ou requirir a rectificación dos erros nos que se incorrera. A Xunta Electoral no prazo dos dous seguintes resolverá as reclamacións presentadas, debendo notificar os interesados o contido do acordo. A partir deste momento quedará aberta a vía contencioso- administrativa de acordo ca normativa xurisdicional específica. No eventual suposto de que a Xunta Electoral aprecie a comisión durante o procedemento electoral de actos u omisións que incorran en vicio de nulidade de pleno dereito, declarará a nulidade da elección celebrada e procederá a convocar novo acto electoral no prazo de 30 días previa subsanación do vicio que provocou dita declaración. En ningún caso procederá a nulidade cando o vicio do procedemento electoral non sexa determinante do resultado da elección.

11.Será proclamada candidatura electa a que obtivese o maior número de votos. No caso de empate das candidaturas deberá procederse a repetir o acto electivo dentro dos 30 días naturais seguintes desde a data da xornada electoral.

12. Unha vez transcorridos os prazos previstos no número anterior, a Xunta Electoral , ca sinatura do/a Secretario/a e visto e prace do/a Presidente/a expedirá e notificará no prazo de 15 días naturais os certificados acreditativos da elección de cada candidato e dos suplentes, no que se exprese, o nome e apelidos e número do DNI, así como o número total de votos acadados, o cargo para o cal foi elixido ou ostenta a condición de suplente e a data do acto electivo.

13.Orixinal dos certificados acreditativos do cargo electo e dos suplentes serán igualmente remitidos a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia pola Xunta Electoral dentro do prazo de 15 días naturais ós que fai referencia o punto anterior.

Artigo 50º. Do voto por correo

1.Para as votacións a Secretaria do Colexio enviará a tódolos colexiados a seguinte documentación:
a)Sobre para voto por correo, coa inscrición exterior “Documentación para exercer o voto por correo”.
b)Tarxeta censual que incluirá entre outros datos o lugar da votación.
c)Sobre normalizado de votación.
d)Unha papeleta de votación normalizada de cada candidatura.

2. Para realizar o voto por correo deberán cumprirse os seguintes requisitos: enviar mediante correo certificado, á dirección da Xunta Electoral ou á sede da mesa electoral, en calquera momento anterior ao
de remate da xornada electoral, o sobre normalizado coa inscrición: «Documentación para exercer o voto por correo», onde o colexiado ten que facer constar o seu nome e enderezo no remite. Este sobre conterá no seu interior a seguinte documentación:

 

a) Fotocopia do DNI.
b) Sobre de votación pechado.

 

3.Os votos por correo incluiranse na urna no momento do peche da xornada electoral. Collerase o sobre coa inscrición «Documentación para exercer o voto por correo» e comprobarase, co nome e número de colexiado, se votou persoalmente; se así for, o sobre coa documentación no seu interior destruirase nese momento. En caso contrario, comprobarase o resto da documentación necesaria para exercer o voto. Se faltar algún documento, será declarado nulo e destruirase nese momento. Se a documentación achegada é correcta, farase a anotación do voto na correspondente lista censual para que quede rexistrado. Todas as comprobacións se deberán facer en presenza do presidente e dos vogais da mesa electoral.

COLEXIO DE PROTÉSICOS DENTAIS DE GALICIA
Rúa Montero Ríos 10 1ºB - Santiago de Compostela