Saltar a: Menu principal | Corpo | Menu lateral | Pe de paxina

lopdat Protección de Datos
ZONA DE USUARIOS REXISTRADOS
BOLETÍN DE NOTICIAS
 

Introduza o seu correo electrónico para suscribirse ao noso boletín.

 
inicio » colexio » estatutos » título i
  • Imprimir

Título I

Do carácter, domicilio, fins e funcións do colexio.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º. Personalidade e natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia é unha organización profesional dos /as protésicos/as dentais que exercen en Galicia.

É unha corporación de dereito público de carácter representativo, de estrutura interna e funcionamento democrático, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º. Sistema normativo.

O Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia réxese, en primeiro termo, pola lexislación básica en materia de Colexios Profesionais e a autonómica, en especial pola Lei 11/2001, do 18 de setembro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento e, de conformidade con estas, por un sistema normativo propio que está integrado por:

a) A Lei 4/1998, do 30 de xuño de creación do Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia.
b) Os presentes Estatutos Xerais que conteñen as normas básicas de funcionamento da organización colexial.
c) O Regulamento de Réxime Interior que, no seu caso, se aprobe polo órgano competente.
d) O resto do ordenamento xurídico en canto sexa de aplicación.

Artigo 3º. Utilización da lingua propia.

O galego é a lingua propia do Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia. Calquera persoa ten dereito a obte-la tradución para o castelán dos documentos colexiais que a afecten e, se o demanda, a ser atendida nesa lingua.

 

Capítulo II

Relacións coa Administración.

Artigo 4º. Relacións institucionais e corporativas.

O Colexio relacionarase con tódalas Administracións públicas e, singularmente, coa Administración autonómica a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no referente a aspectos institucionais e corporativos, e a través das Consellerías de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria no referente aos contidos da profesión.

O Colexio exercerá, ademais das súas funcións propias, aquelas de carácter administrativo que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lles delegue o correspondente órgano administrativo.

 

Capítulo III

Das relacións co “CONSELLO XERAL DE COLEXIOS DE PROTÉSICOS DENTAIS DE ESPAÑA”.

Artigo 5º. Integración no “Integración no Consello Xeral”.

De acordo coa lexislación vixente, o Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia integrarase, unha vez constituídos os seus órganos de goberno, no “Consello Xeral de Colexios de Protésicos Dentais de España” na forma que estatutariamente lle corresponda.

 

Capítulo IV

Denominación, domicilio e ámbito territorial.

Artigo 6º. Denominación, domicilio e ámbito territorial.

A denominación é Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia a súa sede e domicilio social queda fixado en Santiago de Compostela no lugar que acorde o órgano competente.

O Colexio Profesional exerce tódalas súas funcións e competencias no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Capítulo V

Fins e funcións

Artigo 7º.Fins.

  1. Son fins esenciais da organización colexial dos Protésicos Dentais de Galicia:
    a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de Protésico Dental.
    b) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos/as colexiados/as, promovendo a súa formación e perfeccionamento.
    c) Cooperar coa mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.
    d) Colaborar coas Administracións públicas no exercicio das súas funcións, nos termos previstos na lexislación vixente.
  2. Son fins particulares da organización colexial:
    a) Amparar e defende-los dereitos e o prestixio profesional e social dos/as colexiados/asen xeral, se fosen obxecto de vexación, menoscabo ou desmerecemento.
    b) Perfecciona-los aspectos técnicos e científicos da profesión e dos/as profesionais, elevando os seus niveis moral, material, cultural e científico.
    c) Crear, soster e fomentar obras ou institucións de previsión, de crédito, consumo e seguridade, nos diversos aspectos de carácter obrigatorio ou voluntario. Promover mecanismos ou institucións de protección social
    dos/as colexiados/as, xubilados/as, enfermos/as, inválidos/as viuvos/as e orfos/as de colexiados/as.
    d) Colaborar cos organismos correspondentes para establece-las condicións de exercicio profesional nas diversas modalidades, e regular e impoñe-las condicións de prestación de servizos, que serán de obrigado acatamento e garanti-lo respecto e a observación das normas reguladoras do traballo en tódolos aspectos.
    e) Fomentar os actos de carácter cultural e científico. Con esta finalidade poderán ser creadas seccións científicas.

Artigo 8º. Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado e como propias as seguintes:

  1. Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión, así como a representación legal do colectivo de profesionais colexiados/as e a individual de calquera/a colexiado/a cando sexa requirido expresamente ante calquera organismo público ou privado por asuntos relativos ó exercicio da profesión.
  2. Ordenar no marco da súa competencia a actividade dos/as colexiados/as, velando pola ética e dignidade profesional deles, mantendo os principios de unidade e cooperación, así como conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos dos cidadáns.
  3. Exercer a potestade disciplinaria sobre os/as profesionais colexiados/as, nos termos previstos na Lei de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e nos presentes Estatutos.
  4. Exercer as accións legais e adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal.
  5. Establecer os baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativos.
  6. Exercer o cobramento das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, cando o/a colexiado/a os solicite libre e expresamente, unha vez que o Colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se determinen estatutariamente, e expedir os visados que procedan.
  7. Establecer e esixi-las achegas económicas dos/as colexiados/as, así como as normas que regulen o réxime económico do Colexio e dos organismos afíns dependentes deste.
  8. Elaborar e aproba-los orzamentos anuais de ingresos e gastos do Colexio, así como as Contas e Liquidación Orzamentaria.
  9. Organizar actividades dirixidas á formación e ó perfeccionamento profesional dos/as colexiados/as.
  10. Participar de forma activa coas entidades de formación dos/as futuros/as titulados/as en prótese dental na mellora dos plans de estudio e na preparación deste a través do asesoramento ás autoridades académicas, e mediante a formalización de cauces de cooperación cos centros educativos.
  11. Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional (asesoramento xurídico, económico, administrativo ou técnico), cultural, asistencial e análogos que sexan de interese para os/as colexiados/as, así como de cobertura de posíbeis responsabilidades civís contraídas por eles/as no exercicio da profesión.
  12. Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os/as colexiados/as, e actuar como árbitro nos conflitos entre os colexiados e terceiros, cando así o soliciten ámbalas partes.
  13. Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos galegos de colexios.
  14. Emitir os informes técnicos e profesionais nos asuntos ou materias non incluídos no punto anterior que lles sexan sometidos por entidades ou institucións públicas ou privadas.
  15. Emitir e remitir informes sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten o colectivo profesional de protésicos dentais ou se refiran ós fins e funcións encomendados a este Colexio.Igualmente, informa-las industrias do ramo das condicións desexábeis para o desenvolvemento de novos produtos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais tilizados.
  16. Remitir os informes e ditames, de carácter non vinculante, en defensa dos intereses do Colexio e dos colexiados, segun a lexislación vixente, nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se susciten cuestións que afecten a materias de competencia profesional.
  17. Participar en órganos consultivos da Administración de Galicia cando esta o requira, ou así se estableza na normativa vixente, e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal nos que se esixan coñecementos relativos a materias específicas da profesión, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de anxuizamento Civil.
  18. Colaborar coas Administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.
  19. Garantir a prestación da función polos/as profesionais colexiados/as.
  20. Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ó cumprimento dos fins colexiais.

 

COLEXIO DE PROTÉSICOS DENTAIS DE GALICIA
Hórreo 7,1ºEzquerda - Santiago de Compostela